top of page

Entrevista con Tempos Galegos

Se hai algo que pode dar unha definición exhaustiva e puntual da forma de ser da xente dunha rexión ou país, é o humor.

Aínda que, en España, o humor é considerado patrimonio case exclusivo dos andaluces, os galegos nunca quedamos atrás; pouco a pouco fomos gañando puntos e, hoxe en día, a nosa forma de facer rir sitúanos no cumio humorístico do panorama nacional. Claro que unha cousa é dicilo, e outra moi distinta, definilo. Como é o humor galego? O humor no só é creado pola xente; vén dado pola paisaxe, a historia e a lingua dun país. Todos estes elementos fan do noso sentido do humor unha forma moi particular de entender o mundo. Os galegos non arrolamos a morrina por casualidade xa que, como diría Manolo Rivas, o noso humor pódese traducir na fórmula I+M (Ironía +Melancolía), substancias que inclinan o noso humor máis cara ás brétemas británicas que ós aires do Sur.


Hoxe en día, o legado humorístico galego está a ver cambios fundamentais. O impacto das redes sociais, a metamorfose da nosa paisaxe, os cambios no núcleo familiar, e a diminución alarmante de galegofalantes terán consecuencias decisivas na nosa forma de entender e facer humor.


Aínda así, seguimos sendo definidos por iso que é tan culpable da estereotipación do galego: a retranca. É a retranca galega algo tan autóctono como o hygge danés? Bueno…

Quizáis non sexamos nós os máis indicados para dar unha definición dalgo tan característico da nosa forma de ser. De todos os xeitos, queremos intentalo. Para iso, pasámoslle a palabra a aqueles que, a golpe de teclado, dedícanse a facer isto que tan ben nos define e tanta falla nos fai xa que, como diría Celestino Fernández de la Vega, “A falta de sentido de humor encheu os campos de concentración”.



CCGC: A partir de que idea xurde levar adiante esta publicación?

TG: Da cervexa e do licor café. Decidimos levar os desbarres de fin de semana a unha páxina web. A cousa comezou a gustar e xa levamos tres anos! Ao longo dese tempo tivemos algunha colaboración ilustre que non imos desvelar por expreso desexo da xente que colaborou pero tamén moitas anónimas que nos chegaron a través do correo electrónico e o facebook.

Ao fin e ao cabo, e como din as vellas, mentres estamos facendo isto, non nos estamos drogando.


CCGC: Facer humor..., é un traballo serio?

TG: Por non ser non é nin un traballo. Por non dar non dá nin para pagar unhas cañas ao ano. Os gastos da páxina repartímolos a escote e non da ingresos. Tampouco nos importa xa que o pasamos ben facendo artigos e botamos unhas risas elaborando titulares.

Pero bueno, se algunha das persoas que lea isto ten interese en convidarnos a unhas birras podemos facilitarvos un número de conta. Senón sempre nos quedará o crowdfunding.


CCGC: "Dime de qué ris e direiche cómo es". Dise que os galegos temos un sentido do humor bastante negro. É certo?

TG: Nós si, dende logo e coido que moitos dos artigos da páxina corroboran iso.

De feito cando nos preguntan ou cuestionan polo humor negro de TemposGalegos, sempre contestamos con aquel chiste que dicía: “O humor negro éche como as pernas, hai xente que ten e xente que non”.

Pero o humor negro tamén é o máis polémico. Cando menos os artigos que temos escrito corroboran iso.


CCGC: Como definíriades vós aos galegos?

TG: As galegas e galegos somos esa xente que gosta dos pementos do país, do queixo do país, das patacas do país, non quere nin probar unha cervexa de fóra, está orgulloso da súa terra e despois imos e votamos en masa ao PP. Iso si, somos riquiños de carallo.


CCGC: Que é o máis difícil de crear sátira coas noticias de actualidade?

TG: Que non nos adianten pola dereita! A clase política do noso país e do estado español é unha sátira en si mesma. Hoxe temos un exemplo na prensa: Beatriz Mato: «La gente cree que el agua que le llega al grifo cae del cielo».

Non é un caso puntual lembremos o caso de Feijoo preguntando porque as vacas teñen nomes femininos ou case todas as declaracións públicas de Rajoy que son unha parodia en si mesma.

As veces ata nolo poñen díficil á hora de redactar boas farsas, xa o teñen todo dito!


CCGC: Recibides críticas de xente que se sente ofendida coas vosas publicacións?

TG: Si, non moitas veces pero en varias ocasións si. Fainos recapacitar sobre os límites do humor, sobre todo cando nos ameazan. Ofender á xente non é divertido nin o noso obxectivo.

Un exemplo disto foi unha coña que fixemos cos traxes tradicionais. Ninguén de fora de Ourense distingue unha Pantalla dun Peliqueiro e moito menos dun Cigarrón. Fixemos unha noticia de broma e montouse unha boa, en serio:


https://temposgalegos.com/2016/02/09/propinan-unha-malleira-a-un-mozo-por-confundir-un-peliqueiro-cunha-pantalla-en-laza/


CCGC: Non corren moi bos tempos para a liberdade de expresión. Podemos considerar que o humor é unha forma moi intelixente de xerar conciencia, debate e crítica. Son estes algúns dos fins perseguidos por Tempos Galegos?

TG: O humor é unha forma de facer crítica. Os galegos temos a retranca e a sorna dende tempos pretéritos como formas de facelo. Somos quen de facer humor dicindo o contrario do que está a suceder. Isto é marabilloso. Cremos que é xusto dicir que tanto a retranca como a sorna xera conciencia crítica pola súa propia natureza, logo...

Mención aparte precisa a situación actual do estado. O policorrectismo está impregnando todo e depois están cousas máis graves como a censura ou a represión que supón a lei mordaza e que recentemente teñen sufrido dende xente das artes escénicas ata músicos. Aproveitamos para enviarlle a nosa solidariedade a César Strawberry, condenado polo estado español por un delito de opinión.


CCGC: Vivimos tempos incertos … Precisa a nosa sociedade máis sentido do humor ou máis humor?

TG: Precisa das dúas cousas xa que unha non se pode dar sen a outra. Nestes tempos económicos, sociais e políticos incertos cómpre desdramatizar e rir de todo aínda que sexa por un instante. Ao fin e ao cabo para amargarnos xa temos as noticias, con escasas excepcións como son as verduras xigantescas do telexornal ou o porcoril, un cruce entre porco vietnamita e xabaril exclusiva da TVG.


http://neoloxismo.gal/assets/porcoril.gif

Ben mirado, temos que recoñecer que o telexornal é humor sempre. Case unha musa para nós.


CCGC: Os galegos estamos espallados por todo o mundo… Poderíase exportar fácilmente o noso sentido do humor ou é algo demasiado noso para que outros o entendan?

TG: O humor é algo universal. Todos os pobos e culturas teñen o seu xeito de facer humor. O humor galego é moi próximo ao humor británico. Lembrémonos das primeiras series que se emitiron na TVG: A víbora negra (The black adder), Os novos (The young ones) foron series que tiveron moito éxito no noso país posiblemente porque tiñan un sentido do humor moi parecido ao noso: humor negro e con retranca. E moitas outras que non chegaron pero que son similares. Probade a ver Father Ted e veredes que ata se poden confundir os territorios.


Antes de rematar, de que parte do Bierzo dicíades que erades?


Gostaríanos agradecervos o traballo de difusión que estades facendo e dicir que estamos encantados coa entrevista xa que é a primeira que nos fan. Imaxinamos que cando se está fóra do país bótanse moitas cousas de menos, incluso o humor, acabaremos de descubrir unha nova forma de morriña?


Podedes leer Tempos Galegos aquí


Featured Posts
Check back soon
Once posts are published, you’ll see them here.
Recent Posts
Archive
Search By Tags
No tags yet.
Follow Us
  • Facebook Basic Square
  • Twitter Basic Square
  • Google+ Basic Square
bottom of page